Case unha vintena de estudantes da USC participaron nesta actividade que tiña como obxectivo desenvolver solucións innovadoras ante os retos expostos na Axenda 2030
A segunda edición do Hackathon Social-Tech contou coa participación de 19 estudantes de distintos perfís e formacións. A maioría deles estaban relacionados ca rama da economía e a intelixencia artificial, pero tamén había alumnado de enxeñería informática, historia ou xeografía.
Formáronse cinco grupos de traballo e de cada un deles saíu unha proposta coa que dar resposta ao reto exposto na xornada: desenvolver solucións innovadoras ante os retos expostos na Axenda 2030 e teñan un impacto social positivo e medible na sociedade.
Dos dous premios entregados, o primeiro foi para o proxecto liderado por Hilario Gómez, estudante de intercambio por convenio bilateral na Facultade de Ciencias; Judith González e Elisa Sanmartín, alumnas do Grao en Intelixencia Artificial. O seu proxecto, ECOWAY, consiste nunha aplicación para promover o uso dos espazos verdes dirixida a todo o público interesado e é alimentada polos propios usuarios.
O outro proxecto finalista foi IAhorro, proposto por Yago Atrio, doutorando en Economía e Empresas; Mateo Bodenlle, estudante de Enxeñería Informática; Alexia Canosa, do Grao en Intelixencia Artificial, e Jimena Pérez, do Mestrado en Nanociencia e Nanotecnoloxía. A súa proposta consiste no desenvolvemento dunha aplicación que contribúa a optimización do uso dos servizos no fogar por medio da IA, xerando beneficios para os usuarios.
Entre as outras propostas presentadas atópanse APParca, unha plataforma para dar solución ás necesidades de parking; VITAPOLIS, unha aplicación de IA que permite obter información de todo o que ocorre na túa cidade e na que os usuarios poden interactuar entre si; e ECO-FUSION, unha app de IA para a xestión de edificios intelixentes.
Tres destes proxectos (ECOWAY, IAhorro e APParca) presentaranse ao Encontro Internacional de Mozos Emprendedores (EIJE) que se celebrará en Viseu (Portugal). O encontro, organizado pola Escola Superior de Tecnoloxía e Xestión do Instituto Politécnico de Viseau e dirixido a estudantes e graduados de institucións de educación superior do norte de España e Portugal, ten como obxectivo abordar temas relacionados coa innovación e o emprendemento. O alumnado participante ten a oportunidade de desenvolver as súas habilidades e presentar os seus proxectos.