O programa 'Apoio á Función Xerencial en Cooperativas – Creando Mellora' (11ª edición) lanza a súa convocatoria de Bolsas en cooperativas para persoas con estudos empresariais
A Unión de Cooperativas EspazoCoop abre a convocatoria do Programa de Apoio á Función Xerencial en Cooperativas 2023, que está dirixida preferentemente a mulleres en desemprego con estudos na área empresarial. Convócanse 4 bolsas que darán a posibilidade de realizar unha Estadía en Prácticas nunha Cooperativa galega durante 6 meses para impulsar e apoiar o ámbito xerencial e procesos de mellora, as Bolsas están dotadas cunha Axuda Económica mensual bruta de 700 €.
A Estadía en Prácticas é para analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da cooperativa. A persoa Bolseira e a Cooperativa contan ademais co apoio da mentoría e titorización de EspazoCoop, que se realiza en cordinación coa Cooperativa apoiando as súas necesidades e demandas. A previsión da duración da Estadía é do 13 de Marzo ao 11 de Setembro 2023 a razón de 25 horas semanais. As bolsas están vinculadas a un Programa Formativo teórico-práctico que vai paralelo á Estadía. Sinalar que como parte do proceso de selección das Bolseiras (previo á Estadía), as candidatas pre-seleccionadas terán que realizar un CURSO de formación cooperativa, previsto do 27 de febreiro ao 6 de Marzo de 20 h. en modalidade semi-presencial. O curso consta de dúas sesións presenciais en Santiago o 28 de febreiro e o 3 de marzo.
O prazo de inscrición está aberto ata o 20 de febreiro.