15/10/2021
O proxecto está destinado á comunidade universitaria galega, entidades de economía social e innovación social, e sociedade en xeral
O Laboratorio de innovación e economía social de Galicia (LIES_GA) nace co propósito de construír e consolidar un punto de encontro e referencia para as actividades de economía social e innovación social no ámbito universitario galego a través de accións de formación, divulgación e asesoramento, fomentando o espírito emprendedor entre os mozos universitarios, así como a creación e consolidación de emprego.
O proxecto, ademais de estar destinado a persoas da comunidade universitaria (alumnado, profesorado e persoal de servizos xerais) da comunidade galega centrará as súas primeiras actividades nos campus de Santiago de Compostela e Lugo, diríxese tamén a entidades de economía social e innovación social, e á sociedade en xeral.
O LIES_GA, composto por unha equipa de docentes e investigadoras da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, busca:
- Fomentar a economía social entre o persoal docente e alumnado
- Impulsar a investigación e a innovación social
- Mellorar a identificación da economía social e das iniciativas de innovación social como ferramentas de emprendemento orientadas á construción dunha sociedade que sitúe no centro ás persoas
- Mellorar a empregabilidade das mulleres e das persoas con discapacidade da comunidade universitaria
- Potenciar e favorecer a interlocución entre as entidades de Economía social e a universidade
- Mellorar o aliñamento coa axenda 2030 para o desenvolvemento sostible
- Avanzar cara un novo paradigma que combine crecemento con sustentabilidade